sábado, 22 de junho de 2013

Solidariedade coas presas detidas por defender a sanidade pública

Dende a ASEMBLEA ANTICAPITALISTA DE LUGO queremos expresarvos a nosa solidariedade de clase, coas 14 persoas detidas estes días nos actos en defensa da sanidade pública no Centro de Saúde Federica Montseny de Vallekas.

Nunha teima represora do Goberno do Estado, cumplindo ordes da banca internacional, os seus verdadeiros xefes, a cada volta hai máis persoas e colectivos no seu punto de mira.

O Código Penal é o instrumento polo que cada vez máis persoas e máis colectivos pasan a ser considerados inimigos, a represión medra a un ritmo exponencial e a policía é quen dicta a cada intre que é o que se pode facer.

Os Tribunais están tamén ao servizo de esa represión fascista, sendo a sua máxima expresión o Tribunal de Orde Publica coñecido oficialmente como Audiencia Nacional (onde xulgarán estes días a catro independentistas da Galiza).

Nós temos o convencemento de que só a unidade de clase, seña na Galiza ou en outras partes do Estado, será quen de sacarnos de esta opresión e que a solución non pode vir da mao de remendos capitalistas. É por eso polo que mandamos o noso apoio e unimos ás nosas forzas ás vosas para seguirmos avanzando.

VIVA GALIZA ANTIIMPERIALISTA !
VIVA A SOLIDARIEDADE INTERNACIONALISTA !

VIVA A CLASE OBREIRA !

quarta-feira, 8 de maio de 2013

Proxección e debate: Sacco e Vanzetti

O día 4 convidámosvos a unha proxección do docudrama Sacco e Vanzetti, realizado en 1971, dirixido por Giuliano Montaldo. O filme presenta unha dramatización dos eventos que rodearon os asasinatos dos anarquistas Sacco e Vanzetti. Despois, haberá debate sobre Sindicalismo e loita obreira. A proxección, farase no salón de actos da Casa Sindical o 29 de maio, martes ás 20 h.

terça-feira, 7 de maio de 2013

Solidariedade da Asemblea Anticapitalista co barrio de Vallecas


A ASAMBLEA ANTICAPITALISTA DE LUGO solidarízase coas persoas afectadas, golpeadas, reprimidas… dese barrio obreiro e loitador nesta vaga de represión, que se ben nunca deixou de existir no Estado Español, está tomando unhas formas con precedentes na etapa franquista.

Somos cientes desa situación, porque tamén na nosa Terra se está a dar un aumento desa represión e persecución das persoas que non se limitan a ficar na casa diante do ordenador mandando e recibindo mensaxes do “feisbuk”.

Como decides no voso comunicado, a vosa represión non é diferente á que sofren os mineiros de Asturias, o pobo vasco, os compañeiros e compañeiras do SAT andaluz… ós recortes sociais e laborais mais tamén a mocidade do noso país condenada a emigrar outra vez, o independentismo galego que está a sofrir unha persecución e condenas desproporcionadas, as desempregadas e desempregados cunhas axudas sociais (cando as hai) moito máis baixas que noutras partes do Estado... e todas as persoas e colectivos que vemos que a saída desto que chaman crise non pode vir dende dentro deste capitalismo que foi quen a provocou.

Na Galiza, 24 abril 2013

POR UNHA GALIZA CEIBE E ANTICAPITALISTA!
ABAIXO A REPRESIÓN POLICIAL!
ABAIXO OS MUROS DAS PRISÓNS!

sábado, 4 de maio de 2013

Ciclo cinematográfico sobre o movemento obreiro

A Asemblea Anticapitalista de Lugo somos cientes de que a loita de  clases segue vixente, a pesares de que tentan convencernos de que eso  xa é cousa do pasado. Sabemos que a loita de clases é o motor da  historia. Sabemos que foi gracias a ela que se conseguiron os dereitos  (dereito non é o que alguén te debe dar, dereito é o que ninguén te  debe quitar) de que gozamos ata agora e que agora estan a roubarnos. Sabemos tamén que hai duas clases antagónicas; a dos que explotan,  oprimen, esclavizan e a das persoas que somos explotadas, oprimidas,  roubadas, esclavizadas...; nós. Que esa clase media da que moita xente  se sentía parte non é máis que un invento aletargador, da que agora  prescinden porque xa non lles fai falta.

Por eso queremos repasar a historia desta loita de clases, a gloriosa  historia do movemento obreiro e farémolo a través de películas que  poden suscitar un debate posterior entre todas e todos nós.

O ciclo será no Centro Social Madia-Leva! de Lugo, e a primeira destas  películas é a historia dun sindicalista inmigrante nos EUA a  principios do século pasado. Verémola no C.S. Madia-Leva (Sª Ancares,  18 baixo), o vindeiro 7-5 (3ª F), ás 20 h.

O Maio. Manuel Curros Enríquez

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez, Manuel (1996) Aires da miña terra (Vigo: AS-PG)

domingo, 21 de abril de 2013

UN NOVO PROXECTO: A COUSATECA




A Asemblea Anticapitalista de Lugo, en colaboración co Centro Social Madia Leva, vai poñer en andamento unha Cousateca.

Con esta iniciativa queremos facer unha achega cara a creación de alternativas populares e cooperativas, que deben  pasar por unha negación e superación do sistema capitalista.

A Cousateca non é un invento noso; funcionaron e funcionan máis no País, e como todas elas intenta ser un espazo para compartir, unha alternativa ao consumo individual, un ensaio para aprendermos a colectivizar e compartirmos as nosas cousas.

Nesta Cousateca combinaremos o espazo real e o virtual. Como xa dixemos máis arriba contamos cun sitio no Centro Social Madia Leva, onde depositamos as Cousas, cedidas ou en préstamo, e dende onde atenderemos tódolos martes (3ª f) de 20 a 21 h.

Aínda que é unha iniciativa local, poderíase integrar tamén nun proxecto nacional de máis alcance.

As persoas que desexen participar neste proxecto, aportando Cousas ou utilizándoas, poden facelo poñéndose en contacto con nós por calquera dos medios aquí indicados, no local ou no correo.

Cremos que este tipo de iniciativas, unhas parciais como os espazos de troco, a creación de moeda social, os bancos de tempo, os planos de axuda alimentar… e outras máis globalizadoras como o proxecto da Mancomunidade Integral Galega (MIGA), son necesarias nestes momentos en que o Estado, a Xunta e o Capitalismo amosan a súa incapacidade ata para xestionar esta crise que eles mesmos provocaron.


Pola Asamblea Anticapitalista,
Xose Lois Losada