domingo, 21 de abril de 2013

UN NOVO PROXECTO: A COUSATECA




A Asemblea Anticapitalista de Lugo, en colaboración co Centro Social Madia Leva, vai poñer en andamento unha Cousateca.

Con esta iniciativa queremos facer unha achega cara a creación de alternativas populares e cooperativas, que deben  pasar por unha negación e superación do sistema capitalista.

A Cousateca non é un invento noso; funcionaron e funcionan máis no País, e como todas elas intenta ser un espazo para compartir, unha alternativa ao consumo individual, un ensaio para aprendermos a colectivizar e compartirmos as nosas cousas.

Nesta Cousateca combinaremos o espazo real e o virtual. Como xa dixemos máis arriba contamos cun sitio no Centro Social Madia Leva, onde depositamos as Cousas, cedidas ou en préstamo, e dende onde atenderemos tódolos martes (3ª f) de 20 a 21 h.

Aínda que é unha iniciativa local, poderíase integrar tamén nun proxecto nacional de máis alcance.

As persoas que desexen participar neste proxecto, aportando Cousas ou utilizándoas, poden facelo poñéndose en contacto con nós por calquera dos medios aquí indicados, no local ou no correo.

Cremos que este tipo de iniciativas, unhas parciais como os espazos de troco, a creación de moeda social, os bancos de tempo, os planos de axuda alimentar… e outras máis globalizadoras como o proxecto da Mancomunidade Integral Galega (MIGA), son necesarias nestes momentos en que o Estado, a Xunta e o Capitalismo amosan a súa incapacidade ata para xestionar esta crise que eles mesmos provocaron.


Pola Asamblea Anticapitalista,
Xose Lois Losada