quarta-feira, 8 de maio de 2013

Proxección e debate: Sacco e Vanzetti

O día 4 convidámosvos a unha proxección do docudrama Sacco e Vanzetti, realizado en 1971, dirixido por Giuliano Montaldo. O filme presenta unha dramatización dos eventos que rodearon os asasinatos dos anarquistas Sacco e Vanzetti. Despois, haberá debate sobre Sindicalismo e loita obreira. A proxección, farase no salón de actos da Casa Sindical o 29 de maio, martes ás 20 h.

terça-feira, 7 de maio de 2013

Solidariedade da Asemblea Anticapitalista co barrio de Vallecas


A ASAMBLEA ANTICAPITALISTA DE LUGO solidarízase coas persoas afectadas, golpeadas, reprimidas… dese barrio obreiro e loitador nesta vaga de represión, que se ben nunca deixou de existir no Estado Español, está tomando unhas formas con precedentes na etapa franquista.

Somos cientes desa situación, porque tamén na nosa Terra se está a dar un aumento desa represión e persecución das persoas que non se limitan a ficar na casa diante do ordenador mandando e recibindo mensaxes do “feisbuk”.

Como decides no voso comunicado, a vosa represión non é diferente á que sofren os mineiros de Asturias, o pobo vasco, os compañeiros e compañeiras do SAT andaluz… ós recortes sociais e laborais mais tamén a mocidade do noso país condenada a emigrar outra vez, o independentismo galego que está a sofrir unha persecución e condenas desproporcionadas, as desempregadas e desempregados cunhas axudas sociais (cando as hai) moito máis baixas que noutras partes do Estado... e todas as persoas e colectivos que vemos que a saída desto que chaman crise non pode vir dende dentro deste capitalismo que foi quen a provocou.

Na Galiza, 24 abril 2013

POR UNHA GALIZA CEIBE E ANTICAPITALISTA!
ABAIXO A REPRESIÓN POLICIAL!
ABAIXO OS MUROS DAS PRISÓNS!

sábado, 4 de maio de 2013

Ciclo cinematográfico sobre o movemento obreiro

A Asemblea Anticapitalista de Lugo somos cientes de que a loita de  clases segue vixente, a pesares de que tentan convencernos de que eso  xa é cousa do pasado. Sabemos que a loita de clases é o motor da  historia. Sabemos que foi gracias a ela que se conseguiron os dereitos  (dereito non é o que alguén te debe dar, dereito é o que ninguén te  debe quitar) de que gozamos ata agora e que agora estan a roubarnos. Sabemos tamén que hai duas clases antagónicas; a dos que explotan,  oprimen, esclavizan e a das persoas que somos explotadas, oprimidas,  roubadas, esclavizadas...; nós. Que esa clase media da que moita xente  se sentía parte non é máis que un invento aletargador, da que agora  prescinden porque xa non lles fai falta.

Por eso queremos repasar a historia desta loita de clases, a gloriosa  historia do movemento obreiro e farémolo a través de películas que  poden suscitar un debate posterior entre todas e todos nós.

O ciclo será no Centro Social Madia-Leva! de Lugo, e a primeira destas  películas é a historia dun sindicalista inmigrante nos EUA a  principios do século pasado. Verémola no C.S. Madia-Leva (Sª Ancares,  18 baixo), o vindeiro 7-5 (3ª F), ás 20 h.

O Maio. Manuel Curros Enríquez

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez, Manuel (1996) Aires da miña terra (Vigo: AS-PG)